Ir o contido principal
02

Información nutricional

Información nutricional :: Introdución

Introdución

As froitas constitúen un grupo de alimentos indispensable para a nosa saúde e benestar, especialmente polo seu achegue de fibra, vitaminas e minerais e sustancias de acción antioxidante (vitamina C, Vitamina E, beta-caroteno, licopeno, luteína, flavonoides, antocianinas, etc.). Xunto con verduras e hortalizas, son case fonte exclusiva de vitamina C. A gran diversidade de especies, coas súas distintas propiedades organolépticas (aquelas que apreciamos mediante os sentidos, como o sabor, aroma, cor, textura...) e a distinta forma de preparalas fan delas produtos de gran aceptación por parte dos consumidores, sobre todo do sur de Europa.

No ano 2017 o consumo de froitas frescas reduciuse un 7,1%, debido ao aumento do seu prezo, polo que o consumo foi de 92,45 quilogramos per cápita, sendo Asturias o lugar de maior consumo (115,7 quilos), e A Rioxa o menor (77,2 quilos). As froitas de maior demanda son a laranxa, seguida polo plátano, a mazá, a sandía e o melón.
No entanto, aínda estamos moi lonxe dos baremos recomendables para conseguir unha dieta equilibrada; é máis, a cantidade mínima establecida que recomendan a Organización Mundial da Saúde (OMS) e os  expertos en Nutrición e Sociedades afíns é de 400 gramos diarios. Por tanto, devén fundamental, desde o punto de vista sanitario e nutricional, conseguir que aumente aínda máis a inxesta de froita "ao natural", xa que é a mellor forma de aproveitar todas  as súas virtudes e propiedades nutritivas.